A Aureana do Sil: a escultura que fixemos co campo de voluntariado do Camiño de Inverno

Voluntarias e voluntarios do campo Camiño de Inverno xunto á escultura da aureana no Paseo do Malecón do Barco
Escultura de madeira da aureana sobre unha base de ondas azuis, no Paseo do Malecón do Barco

Dende o 9 de setembro, no Paseo do Malecón do Barco, preto do Teatro Lauro Olmo, hai unha figura nova: a aureana, unha escultura de madeira que homenaxea ás mulleres que durante xeracións bateaban o ouro nas augas do Sil. Naceu no campo de voluntariado «Camiño de Inverno: Natureza e Arte en cada paso» e fixémola entre dez mozas e mozos que viñeron de toda España.

Quen eran as aureanas

As aureanas eran as mulleres que traballaban ás beiras do Sil na procura do ouro, un metal tan cobizado como difícil de atopar. A escultura quere recuperar esa memoria e ser, ademais, un fito no Camiño de Inverno, para que quen o camiñe coñeza mellor a historia da comarca pola que pasa. Na placa hai un código QR que leva a máis información sobre elas.

O campo de voluntariado

«Camiño de Inverno: Natureza e Arte en cada paso» é un campo de voluntariado xuvenil da programación Acción de Verán da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, promovido por Eco dos Teixos e coa colaboración do Concello do Barco. Participaron dez mozas e mozos de entre 18 e 30 anos, chegados de Castellón, Valencia, Madrid, Sevilla, Albacete, Ourense e Pontevedra. Non se coñecían entre eles e a maioría nunca traballara a madeira.

Como a fixemos

A coordinación foi cousa nosa, de Artesanía Enxebre: Lalo e Sarah ensinaron desde cero. Antes de cortar nada houbo un proceso de documentación sobre as aureanas e o seu traxe. Despois repartimos o traballo en postos (marcar e preparar as pezas, lixar, encaixar, colar) e todos fomos rotando. A figura, duns 200 cm, fíxose con listóns de piñeiro, e a batea que a aureana leva nas mans é de castiñeiro torneado. Segundo contaba un dos voluntarios, o máis difícil foi dar forma á silueta e levala á madeira.

Máis que unha escultura

O campo non quedou só na aureana. O grupo tamén traballou no Camiño de Inverno e ao longo do Sil: control manual de flora invasora, limpeza de zonas de baño fluviais e de puntos críticos, refuxios para a fauna con materiais do terreo e sinalización en sendeiros. Os mozos escribiron en madeira frases de concienciación para colocar onde máis lixo atoparon, e prepararon un cartel novo para a Fervenza da Pincheira, porque o lume do ano pasado queimou o que había.

Mozas e mozos voluntarios arredor da escultura de madeira da aureana, a bateadora de ouro do Sil
Presentación da escultura da aureana no Malecón do Barco, con voluntariado e público

A presentación

Presentámola no propio Malecón, co alcalde do Barco, Aurentino Alonso, os mozos autores da peza e as persoas de Eco dos Teixos e de Artesanía Enxebre. A escultura completarase cunha base de lousa, que aínda está pendente de colocar.

E agora?

Eco dos Teixos está a valorar darlle continuidade a esta experiencia con programas parecidos e novas esculturas noutros puntos do Camiño de Inverno. De momento é só unha idea que necesitaría novos apoios para saír adiante.

Grazas

Grazas a Eva, Bruno, Luís, Vicente, Jorge, Sergio, Ana, Vero, Nico, Antía, Nico, Roi e Lara polo traballo e polas risas. E grazas a Eco dos Teixos, á Dirección Xeral de Xuventude, ao Concello do Barco e a toda a xente que se achegou ao Malecón.

Placa de lousa «En homenaxe ás aureanas do Sil» do Campo de Voluntariado 2026, con código QR

Na prensa

Contárono O Sil («Unha escultura homenaxea no Barco ás antigas bateadoras de ouro valdeorresas», 9 de setembro de 2026) e Somos Comarca («Una aureana, diez voluntarios y un flechazo con Valdeorras», 11 de setembro de 2026).

Se queres coñecer o que facemos no obradoiro, mira a tenda ou apúntate a un dos obradoiros de marquetería.

Fotos: O Sil.

Mantéñase informado dos novos produtos e artículos

Carriño da compra
Scroll ao inicio