Obradoiros de pirogravado e marquetería

Lobo pirogravado en madeira, peza feita nos obradoiros de pirogravado de Artesanía Enxebre, sobre un peto de pedra á beira do río
Táboa de madeira clara recortada con marquetería eléctrica con formas de estrela, círculos, corazón e ondas

Rematamos os dous obradoiros de pirogravado e marquetería eléctrica e aínda estamos dándolle voltas a todo o que pasou alí dentro. Foron 11 sesións, 9 persoas e idades que ían dos 18 aos 65 anos. Nove maneiras distintas de mirar un anaco de madeira, e ningunha se parecía a outra. Pásanos poucas veces que un grupo nos deixe sen palabras, pero este conseguiuno.

Cada quen chegou co seu

Algunhas persoas viñeron cunha idea moi clara, outras cun debuxo a medio facer e outras só con curiosidade. Empezamos polo principio de todo: debuxar sobre papel, decidir que queriamos contar e pasalo á madeira. Despois veu a parte que máis respecto dá ao principio, cortar coa marquetería eléctrica e pirogravar, liña a liña, ata ver como o deseño empeza a saír de verdade. Cos días, o taller encheuse de serrín, cheiro a madeira queimada e comentarios do estilo «mira como me quedou isto». Se queres velo en movemento, aquí tes o vídeo do obradoiro en Instagram.

Mans debuxando a lápis unha caveira mexicana, primeiro paso dos obradoiros de pirogravado
Pirogravando un deseño de espirais e mandalas nun dos obradoiros de pirogravado de Artesanía Enxebre
Pirogravando a orla decorada dun cartel de madeira rectangular

Dúas técnicas que van moi ben xuntas

Pirogravar e cortar con marquetería parecen cousas distintas, pero completáronse perfectamente: unha dálle forma á peza e a outra dálle carácter. En poucas sesións, unha táboa lisa pasou a ser algo con nome, con cara e con dono. Iso, ben mirado, é case maxia, aínda que leve horas de traballo.

Lobo pirogravado en madeira sobre a barandilla dunha ponte con vistas ao río
Cartel de madeira con letras en relevo e orla pirogravada co texto Pardollán

Nove persoas, ningunha peza igual: así foron os obradoiros de pirogravado

Se algo quedou claro é que aquí ninguén copia a ninguén. Houbo quen empezou cun deseño sinxelo e quen se meteu directamente con mandalas minúsculas, e en ambos casos saíu unha peza con moita personalidade. Fixéronse caveiras mexicanas cheas de detalle, un mapache, un lobo que acabou facéndose unha foto ao pé do río, gatos con flores, carteis con nome propio e… unha hamburguesa. Si, unha hamburguesa, a cores, sen explicación e sen complexos. Quedou xenial e fai sorrir a quen a ve, que tamén é unha forma de facer ben o traballo.

Caveira mexicana pirogravada en madeira, feita nun dos obradoiros de pirogravado
Mapache con motivos florais pirogravado en madeira nos obradoiros de pirogravado
Gato con deseño de mandalas pirogravado sobre madeira clara
Gato con flores e bolboretas pirogravado sobre unha táboa de madeira, peza rematada
Participante amosando a súa peza de madeira cunha caveira mexicana pirogravada no taller
Hamburguesa a cores sobre madeira cun fondo azul, amosada polas mans dunha participante
Participante amosando un cartel de madeira co nome Pardollán, colgado dunha corda
Cartel de madeira con debuxo pirogravado e o texto A Buratiña, sostido nunha man

A peza que máis nos emocionou

Unha das participantes chegou co medo metido no corpo. A máquina e o seu son daballe ansiedade, e iso non é pouca cousa. Aínda así, seguiu adiante. E rematou a súa peza moi orgullosa de si mesma, con toda a razón do mundo. Ese momento, para nós, vale por moitas sesións xuntas.

O que nos levamos destes obradoiros de pirogravado

Montamos estes obradoiros pensando en ensinar, e acabamos aprendendo moito máis do que esperabamos. Quedamos abraiadas coa aceptación que tiveron desde o primeiro día e coa creatividade de cada persoa: ideas nas que nós nunca pensariamos, solucións propias, formas de ver a madeira que non estaban en ningún dos nosos deseños. Ver a xente de 18 e de 65 anos traballando no mesmo taller foi das mellores cousas que nos pasaron este ano.

Tamén aprendemos a calar un pouco máis. Cando alguén empeza a pirogravar, a mellor axuda non sempre é explicar máis: ás veces é deixar que a man descubra por si soa.

O que din os participantes dos obradoiros de pirogravado

As reseñas que nos deixaron en Google contan o resto. Aquí van algunhas, tal cal as escribiron:

Reseña de 5 estrellas en Google dunha participante do obradoiro de marquetería e pirogravado: tiña pánico á serra, puido recortar a súa peza e xa quere repetir
Reseña de 5 estrellas en Google de Ana: chegar sen saber nada e saír cunha peza feita por unha mesma é moi emocionante
Reseña de 5 estrellas en Google de Paulino: unha experiencia increíble, ambiente excepcional e trato moi cercano no obradoiro de marquetería de Artesanía Enxebre
Reseña de 5 estrellas en Google de Nata, con foto da súa peza de madeira pirogravada con flores: profes atentos que resolven dúbidas e quitan os medos

E agora, que?

Se che quedou a gana de probar, non te preocupes: haberá máis. Estamos a pensar en novas edicións e, se queres que che avisemos cando abramos praza, escríbenos pola páxina de contacto, ao correo info@artesaniaenxebre.com ou chámanos ao 646 896 273. Se queres saber como son as sesións, podes ver máis na páxina dos obradoiros de marquetería en Valdeorras. Non fai falta experiencia, e se a máquina che impón un pouco, tamén che entendemos. Iso xa o iremos vendo xuntos.

Mantéñase informado dos novos produtos e artículos

Carriño da compra
Scroll ao inicio